14 dic 2010

Lengua, Mates, Medio (5)

Actividades especiais para a Unidade 5, que xa coñeces. Pero tamén hai algunhas tarefas de repaso, e algunha para alumnos maiores, da ESO...

Lengua Castellana

Matemáticas

Coñecemento do Medio

Clases de palabras, 1º de ESO

Aquí tes unha actividade extra, é dicir, extraordinaria.

11 dic 2010

Escribindo historias

No anterior post xa comentamos a importancia de escribir. Por iso apuramos a continuación de Polgariño conta, o noso proxecto de escritura. Así que é necesaria a túa participación, para crear, producir, publicar e compartir. Non o esquezas!

A partir de hoxe, e sempre que che sexa posible, pasa as túas historias a word ou a algún programa semellante. Incluso podes escanear unha parte dos teus traballos feitos a man. Se despois envías todo iso ao correo de Ismaíl, case de maneira automática aparecerán no sitio de escritura que temos. E os demais saberán das túas historias e do teu traballo, e tamén da nosa aula.

ismailaqui@gmail.com

Recursos para inventar e escribir:

As fórmulas da marabilla: Utilizas as que prefiras, e como queiras, claro. Podes cambialas se é preciso.

As palabras poderosas: 1) castelo; 2) río, trono; 3) rosa, escuridade, león, rocha; 4) Sofía, Daniel, torre, unicornio, xigante, ouro, porto.

Benvidos, Bienvenidos, Welcome!

4 dic 2010

Hai que contar!

O proxecto Polgariño conta empezou o curso pasado. Xa que nunca desapareceu do blog, estas últimas semanas reiniciamos a súa andaina, despois de usar Storybook Weaver en setembro e outubro. Como coincidirá no tempo con Cincenta ao redor do mundo, parece unha boa idea que estean xuntos, Polgariño e máis ela. Así que será deste xeito. Con Cincenta leremos contos ao mesmo tempo que andamos pola Terra; e con Polgariño inventaremos e escribiremos historias, e, se é posible, usaremos o ordenador e os recursos de internet. En todo caso, escribir é sempre escribir, non importa como se faga, importará o que se exprese.

Para imaxinar esas historias, de momento utilizamos as fórmulas da marabilla e as palabras poderosas, que nacen do universo dos contos. Cada quen xa empregou as fórmulas de inicio e saída que mellor considerou. E en canto a esas palabras poderosas, case máxicas, escolléronse as seguintes: castelo; río e trono; rosa, escuridade, león e rocha. Con elas, coa súa forza, cada neno e cada nena comezou a inventar os seus tres primeiros relatos.

Por último, lembra que temos unha tarefa que cumprir no mapa de A volta ao mundo en 80 contos. Esta vez elixiches o teu continente preferido, e agora debes buscar un conto para ler e narrar na clase. Sorte!

2 dic 2010

Ao redor do mundo

A nosa viaxe ao redor do mundo con Cincenta continúa. Só coa axuda dos contos, fomos cara ao leste para saber doutra cincenta de ollos achinados. O peixe da felicidade resultou ser a súa historia, e Ye Xian o seu nome. Creo que se fixeron algúns peixiños ben lindos, e que as familias disfrutaron coa sorte que se pediu para elas.

Unha mañá, e desde as terras da China, chegaron ao antigo Exipto, ao país das pirámides. No río Nilo, que atravesa o deserto de África, coñecimos a Rhodopis. Foi unha escrava grega que tamén logrou ser unha raíña. Agora mesmo están a rematar uns elaborados e preciosos cómics para contar, de novo, a súa historia.

25 nov 2010

Auroras boreais e outras cousas

Na Unidade 3 de Medio aprendimos que na Terra existen dúas zonas frías, onde se sitúan o Polo Norte e o Polo Sur. Nesas zonas tan frías prodúcese un fenómeno natural moi impresionante, as auroras polares ou boreais. Cando iso ocorre, o ceo parece cambiar de cor e deixa o seu azul por unha cor máis verde. Así sucede, por exemplo, nas afastadas terras de Noruega…

Aurora Borealis timelapse HD - Tromsø 2010 from Tor Even Mathisen on Vimeo.

Pero aquí tamén temos algunhas cousas ben interesantes. Por exemplo, no colexio hai amigos de Ismaíl tan valentes que xa se atreven a crear os seus propios blogs. Non vos parece incrible? Pois el está moi sorprendido, e encántalle saber que teñen moitas cousas para contar.

24 nov 2010

A ciencia que conta

O alumnado da clase de alternativa á relixión, que imparte a profesora Carmen Baña, fixo algúns relatos para o concurso Ciencia que conta 2010. Ao final participamos tres alumnos: Marta, Clara e Antón. Despois de varias semanas de espera, coñecimos os resultados dese concurso. E resulta que gañou… Marta!

O sábado, 20 de novembro, celebrouse en Vigo a entrega dos premios, no Museo do Mar. Marta, como segunda clasificada na categoría de primaria, recibiu: un globo terráqueo luminoso, no que aparecen os animais típicos de cada país; unha colección de minerais e un libro cos relatos do ano pasado. Ademáis, tamén lle entregarán outro libro cos relatos deste ano. Así que xa será unha escritora de verdade.

Toda a aula alegrouse moitísimo polo seu merecido premio. E ata din que Ismaíl deu brincos de alegría.

[Clara, Marta]

Ciencia que conta 2010

Estes son os contos e os seus autores:

Clara, Marta e Antón

21 nov 2010

A zapatilla de Rhodopis

Esta é a nova historia do noso proxecto Cincenta ao redor do mundo. Desde China, e o seu peixe da felicidade, pasamos a Exipto, unha terra sempre misteriosa. Hai que agradecer o traballo de Daniel Martínez, que para esta nova fase foi un verdadeiro explorador.

Poucos anos antes de que o país fose invadido polos persas, gobernou en Exipto o faraón Amasis. Para protexer o territorio da ameaza do rei persa Ciro, que estaba conquistando todo aquel mundo, o monarca permitiu que os gregos comerciasen e se establecesen sen problemas en Exipto. Por iso, concedeulles a cidade de Naucratis para o seu uso exclusivo.

En Naucratis, preto da desembocadura do Nilo en Canopus, vivía un próspero comerciante grego chamado Charaxos. Nacera na illa de Lesbos, e era irmán de célebre poetisa Safo; pero a maior parte da súa vida dedicouna ao comercio con Exipto. Cando accedeu á idade madura decidiu asentarse en Naucratis. Un día, mentres paseaba polo mercado, divisou un xentío que se arremuiñaba onde vendían aos escravos. Arrastrado pola curiosidade, abriuse paso a empurróns e viu a causa do balbordo: unha fermosa rapariga que acababa de ser posta en venda.

A súa aparencia delataba as raíces gregas da súa orixe: unha pálida pel e unhas fazulas coloreadas como os pétalos dunha rosa. Charaxos quedou sen alento: era a criatura máis fermosa que vira na súa vida…

[Ler o conto enteiro]

[Daniel Martínez, Ismaíl]

Rhodopis, a Cincenta de Exipto

The Egyptian Cinderella

Related Posts with Thumbnails

Escola de Ismaíl (2)

Localización