Este é un novo post elaborado polo noso Equipo de Redacción. Trata un tema de actualidade, pois escribiron sobre a excursión de fin de curso que realizamos hai uns días. Como sempre, contaron coa axuda voluntaria de varios compañeiros: Brais e Clara, entre outros.
O xoves 20 de maio tivemos unha excursión: fomos a Noia. Foi moi longa e divertida, e tanto na viaxe de ida como na de volta vimos a “peli” Avatar.
Visitamos moitos sitios: o concello de Noia, o castro de Baroña, as dunas de Corrubedo, o centro de información da Praia do Vilar, etc. Aprendimos un montón de cousas.
En Noia, e guiados por unha monitora, visitamos o edificio do concello e descubrimos os seus escudos, e na igrexa de San Martiño vimos as súas lápidas medievais. Despois marchamos para o castro de Baroña, que é marabilloso, e que ademais ten vistas a unha fermosa praia.
A continuación comimos, descansamos e seguimos co noso percorrido. Por iso dirixímonos ás dunas de Corrubedo, que é un espazo protexido. E no centro de información da Praia do Vilar soubemos que Galicia é a comunidade autónoma con máis praias e quilómetros de costa.
Despois merendamos un pouco e iniciamos a viaxe de volta. Pero chegando a Santiago, o autobús empezou a ir cada vez máis lento e acabou por estropearse. Alguén dixo que se quedara sen batería, pero non estamos seguros. Un neno vomitou pola calor e a dor que sentía na súa cabeza. Esperamos unha hora e media por outro autobús. Así que chegamos a Culleredo, ao noso colexio, ás 22:30 horas, e todos tiñamos sono e estabamos moi cansados…
Pero, a excursión foi xenial!
[Lidia, Marta, Eduardo, Sandra, Rubén Sánchez]
A maioría das fotos son de Marta, que demostrou ser unha boa fotógrafa.