Hai anos, en Malpica de Bergantiños, Ismaíl chegou a un colexio novo. Alí, entre uns nenos e unhas nenas que foron os primeiros que o coñeceron, el descubriu o noso mundo. Unha daquelas nenas chamábase Erika Santos, e onte contactou de novo comigo. ¡Esta é unha das marabillas que ofrece Internet! O máis bonito de todo foi que tamén lembrou a Ismaíl. Por iso, cando leu as súas palabras, creo que saíron unha pequenas bágoas dos seus olliños. ¡Pero eran de alegría…!
Unha famosa historia daquel tempo foi escrita por Vanesa Medín, unha compañeira de Erika. Titúlase O pobre Ismaíl, e hoxe presentámola no blog, por todos aqueles nenos que tanto fixeron por el.
Érase unha vez un bonito ananiño chamado Ismaíl, louro como o sol, coa súa cara clara como a auga en pleno verán.
Unha noite de marzo que estaba a durmir cun neno púxose xunto á súa boca. O neno aspirou forte e o anano entrou no interior do seu corpo, e empezou a camiñar. Baixou polo esófago como se fora un tobogán. Chegou ao estómago e doulle por botar unha cabezada. Logo estivo dúas horas no fígado.
Alí comía a comida que o neno tiña na barriga. Despois foi ao páncreas e avanzou polo intestino delgado, que era como unha tubería longuísima con moitas curvas. Pero tamén había outro tubo máis gordo, era o intestino groso.
Entón, o neno sentiu ganas de facer as súas necesidades, é dicir, tivo ganas de cagar. E o neno cagou ao pobre ananiño. Cando saíu do váter daba pena velo.
Bañouse moito tempo pois cheiraba a excrementos. E na ducha viu unha ananiña que tamén se estaba lavando. Falaron e namoráronse, e casaron con moita alegría...